No bar de Marta Pato, a escasa distancia da auténtica “Palleira do Cuco de Velle”, volveron confluír os posuídos pola “Cucomanía”: músicos de toda Galicia, de formacións tan potentes como Os Diplomáticos de Monte Alto, A Roda, Treixadura, O Sonoro Maxín ou o Trío Motobomba, canda cooficiantes do Cuco como Anibal Asenjo co seu acordeón, ou Antonio Pousa, “O Cuculita”, sobriño lexítimo do gran Claudio González Añel. E, facéndolle os coros, para cantar case o repertorio completo da Palleira, un cento de ourensáns coas letras na memoria e as voces entoadas. Foi no segundo domingo de novembro, repetindo un ano despois o encontro, que tamén estivo en Maceda en xullo, reabrindo o local de “O baile do Comunista” onde actuaba ás veces O Cuco de Velle. Todo un revivir do gran fenómeno artístico que facía, antes de popularizarse o concepto, mestizaxe das tradicións e músicas do país con ritmos tropicais, cancións melódicas italianas ou obras clásicas.

O Cuco de Velle en pleno Paraugas do Xosé

O local do “Baile do Comunista”, en Maceda, onde actuaba O Cuco e agora sona no verán a Cucomanía
