Cada primeiro domingo de mes a Praza Maior de Ourense recupera a súa natureza de mercado aberto: un mercadiño de cousas usadas, antigas, curiosas. Os postos de libros de ocasión son dos máis visitados por unha clientela bibliófila, entendida e fiel. Nieves Loperena, Tía Ni para os seus sobriños, amigos e clientes, a bordo da “Libro – Caravan”, mantén a cidade como parada fixa nas súas rutas, que agora abranguen tamén outros países. En febreiro falamos con Nieves sobre a súa traxectoria profesional, que comezou como fotógrafa de prensa, a “Casa de Tía Ni” en Gaxate, Pontevedra, as experiencias dunha libreira ambulante e as características dos lectores de Ourense, un lugar onde, parece mentira, lemos moito e ben, aínda que esta actitude cultural non se traduza en elixir ben os nosos gobernantes.



