Somos un grupo de veciñas de Ourense que cremos noutro xeito de comunicar. Facemos esta radio libre e comunitaria para deixar de ser meras espectadoras dos acontecementos, e de como os recollen os medios de comunicación ou as redes sociais, e ser nós quen comuniquemos sen intermediarios, directamente. Dende a nosa rúa, barrio, cidade ou colectivo. Contamos o que nos peta contar e da maneira que mellor nos parece. Para quen queira escoitar, para quen queira participar, para a comunidade.

Radio Liverdade é unha radio libre, comunitaria, autoxestionada, horizontal, itinerante, colaborativa e en galego. Participamos xente moi diversa: xente interesada na comunicación, xente do activismo e dos movementos sociais e culturais da cidade, xente con ganas de contar historias ou falar de temas mal tratados nos medios convencionais.

Queremos darlle voz a quen a ten silenciada, facer visible o invisible, revelar as realidades en LiVerdade! A liberdade conséguese exercéndoa, e por isto queremos tratar os temas con veracidade, recollendo as diversas opinións e con honestidade. Un novo xeito de achegarmonos á realidade de Ourense, dende unha perspectiva ética, de xénero e inclusiva, para falar de temas sociais, de cultura, de feminismo, de diversidade, de ecoloxismo, da historia da cidade, do deporte feminino e de calquera outros asuntos lexítimos que podan xurdir. De temas que nos importan e aos que queremos darlle visibilidade neste proxecto de creación colaborativa.

Se queres participar contacta con nós a través de info@radioliverdade.com  Podes facer o teu propio podcast ou programa de radio, en solitario ou entre varias persoas. Se o precisas axudaremoste a darlle forma e a realizalo co material técnico de Radio Liverdade.