- Este evento pasou.
“Fogo fixo e voador” na Dodo Dadá

Nova presentación dun artefacto de Saurobuks. Desta volta tocaralle a “Fogo fixo e voador” de Paulo Hortak (heterónimo de Gaspar Domínguez) e Óscar Sánchez na Galería Dodó Dadá de Ourense.
“A guerra, o ecocidio e a escravitude non conseguen desanimar a atávica celebración dos pobos, nin tampouco a nosa esperanza no triunfo da inocencia sobre o egoísmo. Alén da pirotecnia literaria, a poesía sabe inzar utopías tralo cerco do ego. Eis a tirada sen ruído do Paulo Hortak, unha escolma de versos e aforismos que abrangue 25 anos de existencia do heterónimo.”
“É fama que nos nosos días visibles exércitos impoñen leis e horrores e que entregan o humano ao castigo, á uniformidade e á vixiancia extrema. [Manda quen di fogo] É por iso que, no verdadeiro (ou mesmo no aprócrifo), iste Fogo fixo e voador desmonta, coa decencia de quen camiña por un bairro ou unha aldea, a odiosa intensidade dos piores resentimentos ou sangues.”
Amauta Castro
“O libro está ilustrado por unha selección de incríbles debuxos automáticos por parte de Óscar Sánchez (@eukeseiii) que aportan un carácter aínda máis radical a esta proposta. Óscar debuxa sen fixarse en modas ilustradoras e sen títulos ningúns pero cunha forza visual arrebatadora que acompaña aos versos e aforismos de Hortak dunha maneira tremenda e sinceiramente visceral.”
Alfonso Rodríguez
