- Este evento pasou.
Exposición: Suceso fotográfico: “A pel. Epílogo”, na Alterarte do Campus

«A Pel. Epílogo» curado por Xosé Lois Vázquez.
Composto por dúas exposicións na propia sal e no Paseo da Igualdade, ao pé da mesma: «da aperencia á aparicion» de Xabier Fernández, e «Bestiario de Femias» de Gabriela Rivero
Da aparencia á aparición
Cando algo sucede na escuridade, só pode escoitarse. Co abrir das primeiras luces, aínda moi débiles, comezamos a ver a aparencia das cousas. Así, podemos distinguir, unha mazá dunha nube, un animal da auga ou unha árbore dunha muller. Algunhas veces reparamos nunha característica específica que nos chama a atención e diferenciamos ese obxecto dos outros do mesmo tipo e recoñecemos unha persoa determinada entre todos os homes e mulleres. Mais, a maioría das veces, temos unha mirada dende a estrema, sen poder entrar na forma das cousas. No andar, no paso do tempo, sen pretensión de buscar, esa forma deixa de ser precaria, desvalida e maniféstase. Reclama a nosa atención e pronúnciase para que sigamos a súa voz chamadora. Esa aparición conmovedora, que non ofrece resposta ningunha e nos sitúa ante o baleiro, obríganos a pensarnos a nós mesmos e na nosa relación co “outro”. É no proceso de creación cando esa tensión producida no espazo intermedio entre o que nos interpela e reclama e un eu observador (a mirada de espectador activo, transformador da materia inerte en materia conmovedora), pode ser resolta. É nesa claridade que non pode ser cegadora nin desvanecedora cando o anunciado, o aparecido, pasa a ter outra corporeidade distinta daquela da que partía, establecéndose un diálogo desconcertante que muda nunha nova visión das cousas onde, como diría María Zambrano en Claros del Bosque, “la imagen sea real y el pensamiento y el sentir se identifiquen sin que sea a costa de que se pierdan el uno en el otro o de que se anulen”.
Xabier Fernández
Bestiario de Femias é unha proposta de autorretratos fotográficos onde creo, deseño e constrúo máscaras con materia orgánica, para dar vida a diversas criaturas, verbalizadas desde palabras que son utilizadas na linguaxe cotiá para rebaixar ás mulleres e asocialas ao mundo animal. No contexto actual, no que se abriron os debates acerca de problemáticas de xénero, e os modos en que nos tratamos entre as persoas, existen aínda algunhas fisuras que evidencian modos violentos en que se concibiu ás mulleres e a natureza, especificamente na figura dos epítetos animais. Na cultura occidental adóitase etiquetar ás mulleres, designándoas con nomes de animais para insultalas, degradalas, estigmatizalas, para remarcar comportamentos éticamente impropios ou aspectos físicos que non se axustan ao canon de beleza. Por exemplo cando se lles chama raposa, cadela, víbora (mala muller), porca (gorda), morsa (gorda) etc.
O material co que fabrico as máscaras son peles e entrañas de animais como: pito, porco ou peixe, provenientes da industria cárnica capitalista, traballando principalmente elementos que non se utilizan xeralmente para o consumo alimentario, construíndo así cos refugallos da industria. Na elaboración de cada máscara dedico meses, porque implica un proceso artesanal, deseñando, cosendo, bordando e dándolle a forma final ás máscaras que durarán só para unha sesión fotográfica efémera. E de forma ritualista ocupo o meu propio corpo como soporte para as máscaras, xerando unha tensión e diálogo metafórico con outras especies animais.
Bestiario de Femias tamén rescata os imaxinarios presentes nos bestiarios medievais que lle serven de catálogo e proceso de investigación histórica, identificando un discurso moralizante onde será “o home” quen lle outorgue características femininas a criaturas presentes na natureza, transformándoas en visualidades monstruosas. Bestiario de Femias reinterpreta a súa orixe, subverte o seu contido e exprésase revitalizado, traducindo ao medio fotográfico e audiovisual o discurso feminista e animalista,
de maneira de instalar unha crítica sobre o posicionamento masculino hexemónico, e como a sociedade estigmatizou historicamente ás mulleres a través da linguaxe oral, escrita e visual, relacionándoa co animalismo, degradando tanto ás mulleres como aos animais.
Gabriela Rivera Lucero
A Pel. Epílogo
Se a Cultura, é dicir, o fluír de saberes ou coñecementos compartidos case sempre mediando o idioma, máis todas as tecnoloxías, descubertas, emocións e sensacións que se derivan dese fluír inicial e o realimentan, tivese corpo, a súa pel sería a Fotografía. É a través da mesma constituída en membrana contedora, que poderemos reconstruír un modelo da nosa civilización actual; manexamos tantos datos e «indicios» presentes nesa pel, que nada escapará ao escrutinio ao que se someta.
As autorías
Neste suceso en Alterarte, busquei que o tema da Pel estivese presente da man de dúas autorías excepcionais cun alto grao de radicalidade das propostas tanto na súa formulación teórica como na súa realización material e aparencia formal. Dúas persoas valiosas na constitución desa pel antropolóxica.
Xabier Fernández é un dos fotógrafos máis cabais dos que nos visitaron no Festival Internacional Outono Fotográfico. Achega sempre outra forma de despregar o fotográfico que nos induce a visitar as trascendencias que «cubre ou contén». Coma se dunha pel se tratase, informa mediante indicios e aparencias que debemos «ler», sabendo que non son só o que parecen como de feito ocorre con toda fotografía que teña «sentido».
Gabriela Rivera Lucero realizou unha das propostas máis coherentes de todas cantas teñen chegado ao Premio Galicia de Fotografía Contemporánea do que foi finalista na VII edición. Constrúe un poderoso alegato contra a infamia e a crueldade. Sexa a través dos nomes de animais cos que se insulta impunemente ás mulleres, ou da dor contida nos materiais cos que realiza as máscaras que os representan [peles, despoxos de seres sentintes que tiveron vida] todo nos conmove e interpela.
Ambas as propostas conteñen códigos para descifrar aspectos do contemporáneo en temas cruciais coma o valor da vida confrontada á morte ou á presenza da violencia de xénero na linguaxe cotiá. E ambas empregan outras linguaxes e técnicas entrando e saíndo do estrictamente fotográfico sen evitar a súa centralidade.
O epílogo e o espazo expositivo
Epílogo fai referencia ao que será miña ultima acción de organización ou activación fotográfico-cultural que derive da historia do festival Outono Fotográfico co que estiven intimamente ligado décadas. E neste epílogo, desexaba que Alterarte seguise participando da experiencia do OF como espazo expositivo expandido -o festival OF foi ampliando presenza ata chegar a 22 vilas e cidades de Galicia e Portugal- tal como fixo sempre o Campus no Outono Fotográfico ao programar varias exposicións en lugares diferentes. Nesta ocasión, intervense non só na sala Alterarte, senón tamén no Paseo da Igualdade [ao pé da propia sala].
Xosé Lois Vázquez, Curador

