- Este evento pasou.
Manifestación polo dereito á vivenda

Unha vivenda digna é indispensable para a construción de proxectos de vida
estables; sen embargo, cada vez temos máis difícil o acceso a este ben básico.
Mentres tanto, na cidade de Ourense miles de vivendas permanecen baleiras
ao servizo de intereses especulativos, os prezos do aluguer están disparados e
as plazas en vivendas de uso turístico pasaron de 154 a 1.962 dende o 2018.
Queremos unha cidade na que poder vivir con dignidade e non destinada ao
turismo e aos intereses de grandes propietarios e rendistas. Por iso, o vindeiro
sábado 5 de abril sumámonos ás mobilizacións que terán lugar en todo o
territorio español para garantir o acceso á vivenda como dereito. Vémonos ás
18:30 na sede do Instituto Galego de Vivenda e Solo para esixir, entre outras
medidas:
– A declaración de Ourense como zona tensionada: o Concello e a Xunta de
Galicia teñen na súa man aplicar esta medida da Lei de Vivenda para topar
os prezos dos alugueres.
– Regulación e limitación das vivendas turísticas: as VUT están contribuíndo
a disparar os prezos do aluguer, ademais de limitar a oferta de inmobles
dispoñibles para uso habitacional.
– Ampliación do parque de vivenda pública a través, en primeiro lugar, da
recuperación das vivendas en mans da SAREB que foron adquiridas con
diñeiro público e a restauración de inmobles abandonados no casco
histórico da cidade.
– Prohibición da compra especulativa e o acaparamento de vivendas: o
dereito colectivo a unha vivenda digna, debe estar sempre por riba do
interese individual de enriquecerse a costa do benestar da maioría social.
– Baixada por lei dos prezos do aluguer, para que non poida supoñer en
ningún caso máis do 30% do salario.
O artigo 47 da Constitución, recolle o dereito a unha vivenda digna e adecuada
e atribúe aos poderes públicos o deber de promover as condicións necesarias
para facelo efectivo. Pero as institucións nin sequera están a aplicar a
lexislación xa aprobada para atallar un problema que se tornou nunha fonte de
gran angustia para a nosa xente.
Se queremos que a vivenda sexa un dereito, ten que deixar de ser un negocio.
Agardámoste!
