
- Este evento pasou.
Mulleres oleiras no Arquivo Histórico Provincial
1 Marzo - 19 Marzo

No pasado a olaría foi unha actividade que nalgúns lugares era exclusivamente feminina. Na provincia de Ourense pódense citar os casos de Portomourisco (Petín), San Tomé (Cartelle) -de onde procede a ola do século XIX fotografada-, Ramirás (Castrelo de Miño), Loñoá das Olas (Pereiro de Aguiar), Tioira (Maceda) e O Seixo (O Bolo).
Os documentos que publicamos refírense a este último. Un deles trátase da enumeración das oleiras que figuran na listaxe de oficios do Interrogatorio do Catastro de Ensenada de mediados do século XVIII. Os outros son páxinas do libro persoal de leigos do mesmo Catastro, tamén do Seixo, nas que aparece polo menos unha oleira en 18 das 27 familias rexistradas nesta aldea -convertida en parroquia posteriormente-, sen que ningún home se dedicase a tal oficio naquela época.
No número 102 da publicación “Fronda”, que edita o Arquivo Histórico Provincial de Ourense, Laura García aborda este tema e comproba que as ganancias obtidas polas oleiras do Seixo e de Portomourisco supuñan case a metade do que ingresaban os homes polo mesmo traballo en Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo) a mediados do século XVIII: unha media anual de 83 reais no caso das mulleres e de 140 no caso dos homes.
Sirva este exemplo para conmemorar o Día Internacional da Muller Traballadora e para evidenciar que tanto homes como mulleres poden desenvolver labores idénticas sen que sexan a forza ou a pericia as que determinen o xénero de quen as desenvolve.