
- Este evento pasou.
“Un deus salvaxe”, Talía Teatro,no Auditorio de Ourense
5 Abril / 20:00 - 21:30

Dous nenos duns once anos enfróntanse con violencia nun parque. Beizos inchados e dous dentes rotos…. Os pais da «vítima» convidan os pais do «matón» á súa casa para resolver o conflito. O que comeza sendo unha charla con bromas e frases cordiais, adquire unha tinguidura máis violenta a medida que os pais van revelando as súas ridículas contradicións e grotescos prexuízos sociais. As parellas empezarán a tirarse os trastes á cabeza sen reparo algún, e mesmo non terán inconveniente en sacar os trapos sucios dos seus respectivos matrimonios. Aquí non hai nin bos nin malos. Nin tan sequera vencedores e vencidos. Só catro adultos que se encerellan nunha calorosa discusión que vai desvariando máis e máis a medida que se vai alongando innecesariamente.
A situación descontrólase de tal modo que ninguén está a salvo de recibir a súa ración de ofensa persoal, e todos os intentos por acougar os ánimos e instaurar a paz acaban fracasando. Cadaquén ten a súa propia opinión sobre como canalizar o conflito que afecta os seus fillos (dende como definir a agresión até como castigar o agresor, pasando por ver quen ten maior ou menor culpa), e de aí xorden outros temas nos que, por suposto, non logran poñerse de acordo. A obra saca todo o lixo que estes catro individuos acumularon ao longo da súa vida en relación á educación que recibiron, á posición social que ostentan, á súa profesión, … e amósanos a súa cara oculta. Un deus salvaxe é puro guión, puro diálogo e pura interpretación.