Pedro Maffia, 1899-1967, de familia netamente italiana, nacido nun dos barrios populares de Buenos Aires, tocaba de mozo en locais marxinais sobrevivindo do que recollía na gorra. Pronto destacou pola súa orixinal maneira de interpretar co bandoneón: deixaba o fol pechado, traballando en corto e utilizando a válvula para non forzar o son. Cando o descubriron os grandes da época integrouse en diversas formacións ata ter a súa propia orquestra e trunfar en salas, no cine e na docencia. Como compositor asina pezas célebres como “Ventarrón”, “La Mariposa”, “Heliotropo” ou “No Aflojés”, que Ricardo Coronel canta pechando este episodio de Chamuyando tango no que viaxa pola vida e a obra do “Pibe de Flores”.
