Neste momento estás a ver Había unha vez un ceo gris

Había unha vez un ceo gris

  • Categoría da entrada:Lecturas
  • Comentarios da entrada:1 comentario

ESCOITA O CONTO:
Ir a descargar

Esta é unha historia que podería ser inventada ou podería ser real. É a historia de dúas nenas que viven nunha illa ás que lles gusta soñar e deixar voar alto a súa imaxinación.

Texto: Elena Fariñas Iglesias
Voz: Manuela Iglesias Cid
Música: David Gómez Míguez – Loretta (la vida una tragicomedia)

Había unha vez un ceo gris

 

Sopraba o ar e movía as follas das árbores. Había árbores e flores e plantas. Porque a primavera seguía a florecer aínda que o ceo fora gris.

 

Había unha lúa que medraba nos días máis escuros para alumear os soños dos que non podían durmir.

 

Había fiestras que se abrían para deixar escapar cancións e murmurios que se levantaban como escudos anti misís para frear a tristura.

 

O mundo era pequeno. Non máis de catro paredes e algún balcón con vistas a un patio de veciños.

 

Pero había unha illa no medio da inmensidade. Un refuxio para valentes no que rexementos de paz recorrían os camiños. Na illa vivían dúas nenas que cada noite miraban as estrelas na procuraca de acougo.

 

Na illa non existía o tempo. As horas podían ser minutos ou días e os reloxos marcaban os estados de ánimo e non o paso do tempo.

 

Os habitantes da illa vivían felices, algúns dirían que inconscientes dos desatinos que se producían máis alá das súas fronteiras. Fronteiras de area fina e mar calmo.

Non se levantaban máis barreiras que as que cada quen quixera crer porque entenderon que a distancia entre o querer crer e o crer era unha brazada a nado.

 

Ás veces o mar embravecía e entón o espectáculo era aínda mellor. As nenas subían axiña ao seu miradoiro e esperaban porque ao redor da illa semellaban acumularse illotes que se arrolaban coas augas bravas.
Ese móvese…
Que é?
Un narval que se achega á costa.

 

O narval é coñecido coma o unicornio de mar, un raro cetáceo que habita as augas do Ártico, e que como moitas das cousas nas que crían estas dúas nenas, xa case so existía nos seus desexos.

 

É un cachalote e ven a buscarnos para ensinarnos que fóra desta illa hai moito bo por ver. Un mundo no que so viven narvais e cachalotes…

 

Na parte norte da illa levantábase un soberbio cantil. Excavado a forza de anos polos embites da natureza – sempre sabia – coma un canteiro esculpe con punteiro e barrena os penedos do monte. A erosión das mareas roubou á terra anacos que semellaban dentes a piques de morder. Dicían que nos seus riscos habitaban meigas e outras criaturas que saían de noite para levar aos nenos a lugares dos que nunca volvían.

 

Pero as nenas non tiñan medo porque os monstruos non existen máis que na imaxinación dos medorentos. O descoñecido asusta so a quen non quere ver. O bárbaro non é aquel que é diferente senon o que sinala aquelo que se escapa do normal. E quen quere ser normal podendo ser especial?

 

As dúas nenas fixéronse valentes mirándose no espello das mulleres bravas que as precederon para continuar unha historia que se escribe xeración tras xeración no cabo dos arcos da vella e nas costuras dos mandís.

 

Por iso a súa historia ten sempre un continuará. Porque sempre hai un ceo que mirar, unha nube que recoñecer, un cachalote que esperar na beira do mar e unha illa na que habitar.

photo5780446439460155558

ESCOITA O CONTO:
Ir a descargar

Esta entrada ten un comentario

Deixa unha resposta

Información básica sobre protección de datos Ver máis

  • Responsable: Radio Liverdade.
  • Finalidade:  Moderar os comentarios.
  • Lexitimación:  Por consentimento do interesado.
  • Destinatarios e encargados de tratamento:  Non se cede nin se comunica ningún dato a terceiros para prestar este servizo.
  • Dereitos: Acceder, rectificar e suprimir os datos.
  • Información Adicional: Pode consultar a información detallada na Política de Privacidade.