Neste momento estás a ver Leira, aldea de sacrificio

Leira, aldea de sacrificio

                A aldea de San Vicente de Leira resultou practicamente destruída por un dos grandes incendios que en agosto de 2025 arrasaron un 13 por cento da superficie da provincia ourensá. Os veciños denunciaron a ausencia total de medios de extinción para evitar que o lume queimase as casas. Tamén que as autoridades non mandasen evacuar e que tivesen que facelo a última hora con gran risco para as súas vidas. Tres meses despois daqueles días negros, os veciños, coas súas vivendas queimadas, critican a demora e as condicións que lles impón a Xunta para lograr as axudas que lles permitan restauralas. Radio Liverdade, colabora con Noticias Dispersas e Ouke! na realización de senllas reportaxes que podes ver aquí.

A aldea de San Vicente de Leira, en Vilamartín de Valdeorras, tivo, no seu mellor momento, 800 veciños. Os soutos de castiñeiros eran a súa gran riqueza; deles saian varios trailers á semana cargados de castañas. As canteiras e as naves de transformación da lousa trouxeron traballo estable e salarios, pero tamén o principio da fin desta aldea. A explotación dunha canteira provocou hai 30 anos o deslizamento dunha ladeira e o corte dun longo tramo da estrada provincial OU-0807. Dende 1993 o acceso á aldea faise por un longo e perigoso vial alternativo, ou pola estrada estragada, con gran risco de novos afundimentos. A deputación incumpriu repetidas promesas de reparación.

Territorios de sacrificio son aqueles onde os intereses privados promoven, e as Administracións públicas consinten, unha sobreexplotación dos recursos naturais malia causar danos ambientais que destrúen os hábitats, provocan a ruína e forzan o abandono das poboacións humanas ou doutras especies.

Despois do gran incendio que estragou a aldea, e do trato que lles dá agora a Xunta,  os veciños sospeitan que hai intereses en despoboar San Vicente de Leira en favor das louseiras e de proxectos eólicos nesta zona da montaña valdeorresa.

Comparte:

Deixa unha resposta

Información básica sobre protección de datos Ver máis

  • Responsable: Radio Liverdade.
  • Finalidade:  Moderar os comentarios.
  • Lexitimación:  Por consentimento do interesado.
  • Destinatarios e encargados de tratamento:  Non se cede nin se comunica ningún dato a terceiros para prestar este servizo.
  • Dereitos: Acceder, rectificar e suprimir os datos.
  • Información Adicional: Pode consultar a información detallada na Política de Privacidade.