O jacomismo, o réxime político que impera no concello de Ourense dende hai xa máis de seis anos, ten serias e negativas consecuencias reais máis alá do comportamento anecdótico do rexedor e por riba do estéril debate partidario. Distintos colectivos da poboación, e aspectos comúns da vida cidadá, resultan afectados dun modo directo. Tamén se extende un sentimento de esterilidade das accións de resposta e se produce unha perda da autoestima colectiva. Radio Liverdade recolle testemuños en varios ámbitos, empezado polo cultural. Na inauguración dunha exposición na moi activa galería Dodo Dadá, na rúa da Liberdade, falamos con varios creadores plásticos sobre o uso dos espazos culturais municipais e a programación cultural dende o concello. En primeiro lugar escoitamos ó escultor e pintor que inauguraba, Cándido Caneiro.
