Neste momento estás a ver SoS #2 8M As mulleres paramos o mundo

SoS #2 8M As mulleres paramos o mundo

Escoitar o programa:

Este 8 de marzo paramos o mundo, deixamos de traballar, de cociñar, de limpar e de coidar (en máis de 50 países), se as nosas vidas non valen, e o noso traballo non vale, producide sen nós.
Estamos en folga. Este paro inclúe a tódalas mulleres ocupadas e desocupadas, ás asalariadas e as que cobran subsidios, as estudantes, porque todas somos traballadoras. Paramos para multiplicar a nosa forza e que  trema a terra!
E este é un paro internacional de mulleres, de 12 a 12 e media non producimos nin consumimos. Súmate! Paramos porque estamos cansas e fartas, da violencia machista e da fenda salarial. Paramos para denunciar que cobramos de media, un 27% menos que os homes. Paramos para que se recoñeza que os coidados e as tarefas domésticas, que non se remuneran, suman polo menos, tres horas máis á nosa xornada laboral. Paramos porque o capital explota as nosas economías precarias.
Paramos para defender o noso dereito ao aborto libre seguro e gratuito. Paramos porque queremos deixar espazo aos feminismos, porque a violencia e o sexismo son elementos estructurais da sociedade que están presentes tamén nos nosos espazos colectivos. Paramos para construír espazos politicos e físicos transfeministas e antisexistas nos territorios, nos que practicar resistencia e autoxestión.
Paramos porque non estamos todas, porque nos están asasinando e Nós Querémonos Vivas!

Así comeza o segundo Soa o Silencio, un programa da radio libre, comunitaria e asamblearia de Ourense, Radio Liverdade. Hoxe Día Internacional da Muller, escoitamos as voces fortes e valentes das mulleres. Entrevistamos a unha desas mulleres, feminista en tódolos ámbitos da súa vida, de Ourense, poeta, profesora e futura académica da Real Academia Galega, a escritora Chus Pato.

chus pato 1

Da loita feminista na Galiza e tamén en Ourense e das accións e reivindicacións deste 8 de marzo, conversamos con Lucía López Cedrón e Ximena González Ataide, integrantes da Coordenadora Local de Ourense da Marcha Mundial das Mulleres.

Escoitamos o poema Eu ben vin estar o moucho de Rosalía de Castro do libro ‘Cantares Gallegos’ na voz de Beatriz Fernández Barciela do IES A Guía extraído deste vídeo.

[youtube https://www.youtube.com/watch?v=2pb9W6L-eYc&w=560&h=315]

E rematamos co texto ‘O traballo invisibilizado’ extraído de ‘Revolución en punto cero. Traballo doméstico, reproducción e loitas feministas’ de Silvia Federici.

Partindo da nosa situación coma mulleres, sabemos que a xornada laboral que facemos para o capital non se traduce necesariamente nun cheque e non empeza nin remata nas portas da fábrica.

Tan pronto como erguemos a ollada dos calcetíns que remendamos e das comidas que preparamos, observamos que, aínda que non se traduce nun soldo para nós, producimos, nin máis nin menos, o produto máis preciado no mercado capitalista: a forza de traballo.

O traballo doméstico é moito máis que a limpeza da casa. É servir física, emocional e sexualmente aos que gañan o salario, telos listos para o traballo día tras día. É a crianza e o coidado das nosas fillas e fillos, os futuros traballadores, coidándoos dende o día do seu nacemento e durante os seus anos escolares… Isto significa que tras cada fábrica, tras cada escola, oficina ou mina atópase oculto o traballo de millóns de mulleres que consumiron a súa vida producindo a forza de traballo que se emprega nesas fábricas, escolas, oficinas ou minas.

Esta é a razón pola que, tanto nos países desenvolvidos coma nos subdesenvolvidos, o traballo doméstico e a familia son os alicerces da produción capitalista.

Queda por puntualizar que ao afirmar que o traballo que levamos a cabo na casa é produción capitalista, non estamos expresando un desexo de ser lexitimadas como parte das forzas produtivas; noutras palabras, non é un recurso ao moralismo.

Só desde un punto de vista capitalista ser produtivo é unha virtude moral, incluso un imperativo moral. Desde o punto de vista da clase obreira, ser produtivo significa simplemente ser explotado. Como Marx recoñecía «ser un obreiro produtivo non é precisamente unha dita, senón unha desgraza».

É ademais importante recoñecer que cando falamos de traballo doméstico non estamos falando dun emprego coma calquera outro, senón que nos ocupa a manipulación máis perversa e a violencia máis sutil que o capitalismo perpetrou nunca contra calquera segmento da clase obreira.

Certo é que baixo o capitalismo todo traballador é explotado e a súa relación co capital atópase totalmente mistificada.

Pero co salario dá a impresión de que se trata dun trato xusto: ti traballas e páganche, así tanto o teu patrón coma ti acadades o que se supón que se debe a cada unha mentres que en realidade o salario, máis que pagarche polo traballo que levas a cabo, esconde todo o traballo non remunerado que conleva o seu beneficio.

Non entanto o salario polo menos recoñécete como traballador, polo que podes negociar e pelexar sobre os termos e a cantidade dese traballo. Ter un salario significa ser parte dun contrato social.

A diferenza co traballo doméstico reside no feito de que este non só se impuxo unicamente ás mulleres, foi transformado nunha cualidade da nosa psique e personalidade feminina, nunha necesidade interna, unha aspiración, procendente supostamente das profundidades do noso carácter.

(As tarefas domésticas foron convertidas nun atributo natural no canto de ser recoñecidas como traballo, e iso é porque estaba destinado a non ser remunerado. O capital tiña que convencernos de que é natural, inevitable e ata unha actividade que che fai sentir plena, para así facernos aceptar o traballar sen obter un saldo.)

A súa vez, a condición non remunerada do traballo doméstico foi a arma máis poderosa no fortalecemento da estendida asunción de que o traballo doméstico non é un traballo, impedindo así que as mulleres se rebelen contra el, excepto no ámbito privado do dormitorio-cociña que toda a sociedade acorda ridiculizar, ninguneando deste xeito aínda máis ás protagonistas da loita. Vénnos como bruxas rosmonas, non coma traballadoras en loita.

 Estas son as cadeas que nos aprisionaron e aprisionan nunha situación próxima á escravitude.

Nós negámonos a perpetuala en nós!

Escoitar o programa:

Descargar este programa

Neste programa soou:

Ana Tijoux – Antipatriarca
Cabeceira: Namorados no AndénFernando Barroso (Intropía)
Sacha na Horta – Slowly, amigha!
Mercedes Peón – Derorán
Nao e Meigha – A justiça pela mão
Comuna que pariu! – Lugar de mulher é… é onde ela quiser!
IES A Guía – Eu ben vin estar o moucho (Rosalía de Castro)
Bomba Estereo – Fuego
Namorados no AndénFernando Barroso (Intropía)

Máis información:

Chus Pato na Wikipedia
A obra de Chus Pato na Rede de Bibliotecas Públicas
Marcha Mundial das Mulleres – Galiza
Facebook da MMM – Galiza
Paro Internacional de Mulleres
World March of Women – Internacional
Marcha Mundial das Mulheres – Brasil
Revolución en punto cero – Silvia Federici na Rede de Bibliotecas Públicas

Deixa unha resposta

Información básica sobre protección de datos Ver máis

  • Responsable: Radio Liverdade.
  • Finalidade:  Moderar os comentarios.
  • Lexitimación:  Por consentimento do interesado.
  • Destinatarios e encargados de tratamento:  Non se cede nin se comunica ningún dato a terceiros para prestar este servizo.
  • Dereitos: Acceder, rectificar e suprimir os datos.
  • Información Adicional: Pode consultar a información detallada na Política de Privacidade.