Neste momento estás a ver SoS #3 Desmontando o Amor Romántico

SoS #3 Desmontando o Amor Romántico

Escoitar o programa:

O amor é un fenómeno cultural, e aprendemos a amar na cultura, na sociedade, na familia, nas escolas, é dicir o amor apréndese e agora o reto é desaprender. Todas as estructuras que herdamos, cuestionalas, darlles a volta e inventar outros xeitos de querernos e de relacionarnos que non sexan patriarcais e que non teñan sobre todo, a ideoloxía capitalista e patriarcal, dalgunha maneira o obxectivo é liberarnos de toda esa carga.
Coral Herrera

Este terceiro programa de Soa o Silencio quere desmontar os mitos do amor romántico e unímonos ao reto de desaprender xuntas, de darlle a volta aos conceptos e ás emocións impostas polo heteropatriarcado e o capitalismo.

Entender que o amor é un asunto social e tamén político que se debe abordar en conxunto. Despatriarcalizar o amor e deconstruír os mitos require un esforzo colectivo para poder termos relacións non baseadas na dependencia e no interese, un traballo para poder construír xuntas unha sociedade máis igualitaria e poder disfrutar do amor.

Facémolo primeiro a través das reflexións de Coral Herrera, escritora e investigadora, e coordenadora do “Laboratorio del Amor”, que desmitifica o amor romántico e asegura que outros xeitos de quererse son posíbeis.

Entrevistamos a Rebeca Baceiredo, de Ourense, Licenciada en Ciencias da Comunicación pola Universidade de Santiago de Compostela e doutorada en Filosofía coa tese Achegas onto-éticas para a liberación do suxeito. Unha aproximación a partir da filosofía de Gilles Deleuze.

Con ela revisamos a construción social da idea do amor a través da historia da filosofía, de Platón a Deleuze pasando por Spinoza, Illouz até Federici. A idealización do outro como obxecto de desexo e as relacións de dependencia que se fundamentan en relacións de poder. O amor romántico non transmite os mesmos roles en canto a xénero: os homes e as mulleres non cumpren os mesmos papeis, un ten un papel dominante e a outra de subordinada. O relato do amor romántico marca o comportamento como un arquetipo e canaliza determinados hábitos cos que hai que cumprir e que acaban xerando tamén un motor económico nas industrias culturais. Esa idea do amor foise transmitindo tamén ao longo do século XX a través dos medios de comunicación.

Súmase á nosa charla Ángel Amaro Quintas, sociólogo, Licenciado en Socioloxía pola Universidade de Alacante, activista feminista e LGTBIQ e coeducador social autor do blog Coeducación Rural. Con elas falamos da necesidade de rachar primeiro co heteropatriarcado e de como mellorar nas aulas a xestión e aceptación das diversidades afectivas, do poliamor, a demisexualidade e como as industrias culturais constrúen o relato do amor romántico. Tamén abordamos a parellonormatividade e as dificultades para cuestionar a monogamia como único xeito de relacionarse afectivamente.

Como se recupera o sentido do EU mesma? Non se trata dunha tarefa filosófica senón de actitudes moi prácticas. Hai que recuperar o propio corpo.

No namoramento o corpo está no centro, porque todo é eros. Para moitas mulleres isto significa descoido de si mesmas. No namoramento, todo son excesos: dúrmese pouco, cómese mal ou cómese de todo e con voracidade, vívese a présa e en tensión. Hai mulleres que perden moas, outras enferman do estómago, outras teñen gripes terribles… E é que baixan as defensas e desaténdese a saúde. Milleiros de embarazos neste mundo débense á perda do sentido do coidado do propio corpo. Dar atención á saúde do corpo é recuperar o sentido da realidade.

Recuperar o sentido de nós mesmas significa tamén recuperar o tempo. Ao cesar o namoramento, hai mulleres que din: vou descansar, vou durmir, xa non vou correr como tola. Ter sentido do propio tempo é unha clave para o amor. O meu tempo e o teu tempo: esta diferenciación soamente aparece cando aparece o amor. No namoramento non hai meu tempo e o teu tempo, non hai sentido do tempo propio.

Moitísimas mulleres namoradas perden o seu tempo na espera do outro. Esperar que chegue, que che fale, que che diga, que che dé. Esperar. E na espera o tempo paralízase. Incluso mulleres moi ocupadas e moi activas perden o seu tempo sen medida con quen ama. E cando están namoradas o seu tempo non vale nada, porque o único que lles importa é encher o tempo coa persoa amada. Recuperar o meu tempo e recoñecer o seu tempo é fundamental para transitar a outro estado distinto, que xa non é o da distorsión, o da tensión, o da esaxeración.

(…)

É preciso que as mulleres teñamos unha determinada conciencia para poder negociar nas relacións de amor e de parella. Asumir a cidadanía, ter conciencia de ter dereitos.

En calquera aventura, busca ou plan de vida que teñamos, sobre todo no amor, resulta clave que eu me instale na miña cidadanía. Instalar a miña cidadanía implica varias condicións:

–       asumir que a protagonista da miña vida son eu

–       decidir que non espero a que ninguén me reconoza os dereitos, non espero a que ninguén me dé os dereitos, otórgomos eu mesma

–       poder instalar na miña existencia todo aquilo que está na miña subxectividade de cidadá con dereitos

(…)

Para poder negociar téñome que autoconcebir como parte dun pacto. No amor, as mulleres tradicionais concíbense como as agraciadas, as favorecidas, as elexidas, todo iso que decimos cando atopamos unha parella ou nos namoramos de alguén, e experimentamos o sentimento de que non merecemos tanto, de que alguén marabilloso fíxonos un favor.

Este sentimento temos que ir eliminándoo da vida. Ser protagonista da vida significa entender que teño dereito ao amor. É un dereito humano o dereito ao amor, e amor con apelido feminista: teño dereito ao amor non enaxenante, a un amor que non me faga allea do sentido da miña vida, que non me expropie de min mesma. Teño dereito a un amor que me beneficie.

(…)

A sororiedade é o gran aporte do feminismo á cultura contemporánea, á cultura do novo século. Nova ética entre as mulleres que consiste na non competición entre mulleres. Para crear a sororiedade entre as mulleres basta que por un tempo, por uns anos, ata que se vaia xeralizando por todas partes, ata que se converta nun costume, nos comprometamos a deixar de ser misóxinas. Somos como as albanelas da vida: démonos conta do problema, pois a cambiar iso, a transformar a vida! De todos xeitos, soamente con non ser misóxinas as mulleres, xa eliminaríamos unha grande cantidade de inxustizas de xénero de moitísimos anos.

Esta ética acompáñase dunha estética, a estética dun bo trato entre nós. De tal forma que vaiamos eliminando os malos tratos, a hostilidade, a violencia entre nós. Se lle pedimos ao mundo que respete ás mulleres, asumimos que somos nós as primeiras en respetalas.

(…)

Que nos alente saber que non hai modelos nin prazos, nin hai un tempo fixado para chegar á meta. Soamente nos toca camiñar.

“Claves feministas para a negociación no amor”, Marcela Lagarde.

Escoitar o programa:

Descargar este programa

Neste programa soou:

Cabeceira: Namorados no AndénFernando Barroso (Intropía)
BSO Dirty Dancing
La Otra – Contigo
Rosa Zaragoza – Rumbita del sano amor
PJ Harvey & Nick Cave – Henry Lee
Bittah – Poliamorosa
Tribalistas – Ja sei namorar
The Gift – Facil de entender
Namorados no AndénFernando Barroso (Intropía)

Máis información:

Blogue de Coral Herrera
Rebeca Baceiredo na Wikipedia
Rebeca Baceiredo na Fundación Euseino?
A obra de Rebeca Baceiredo na Rede de Bibliotecas Públicas
Blogue Coeducación Rural
Blogue Pedagogía Antipatriarcal

Deixa unha resposta

Información básica sobre protección de datos Ver máis

  • Responsable: Radio Liverdade.
  • Finalidade:  Moderar os comentarios.
  • Lexitimación:  Por consentimento do interesado.
  • Destinatarios e encargados de tratamento:  Non se cede nin se comunica ningún dato a terceiros para prestar este servizo.
  • Dereitos: Acceder, rectificar e suprimir os datos.
  • Información Adicional: Pode consultar a información detallada na Política de Privacidade.